Sanxenxo, 8 de setembro do 2025 .- Con motivo do 23 de setembro, Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos, a organización Accem en Galicia, a través do seu programa SENTrata, financiado pola Xunta de Galicia, e en colaboración co Concello de Sanxenxo, organiza o próximo xoves 19 de setembro unha xornada de reivindicación e sensibilización aberta á cidadanía.
A programación dará comezo ás 12:00 horas cun conversatorio entre o social e o artístico arredor da problemática da trata de mulleres con fins de explotación sexual, un espazo de reflexión no que se poñerán en diálogo voces do ámbito profesional, asociativo e cultural.
Xa pola tarde, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Sanxenxo, terá lugar a representación da obra de teatro 'Sophie non é o meu nome de guerra' de Redrum Teatro, unha peza teatral, dirixida por Laura Míguez, que conxuga artes escénicas e denuncia social para visibilizar a vulnerabilidade e a violencia que sofren milleiros de mulleres vítimas deste crime.
O programa SENTrata, desenvolvido desde a sede de Accem en Galicia, céntrase en dous grandes eixos de traballo. Por unha banda, ofrece axudas económicas directas e acompañamento integral a mulleres víctimas de trata con fins de explotación sexual, co obxectivo de facilitar a súa recuperación e acceso a dereitos básicos. Pola outra, promove accións de sensibilización social, como esta xornada en Sanxenxo, para visibilizar esta grave violación dos dereitos humanos e combater estereotipos arredor da trata.
Durante o 2024, Accem na comunidade galega proporcionou apoio a máis de 50 mulleres en contexto de prostitución, facilitando recursos económicos, acompañamento social e alternativas que permitan escapar da explotación e acceder a unha vida máis segura e digna.
Con esta iniciativa, Accem e o Concello de Sanxenxo queren achegar á poboación local unha visión crítica e transformadora, promovendo unha maior conciencia social e a mobilización cidadá contra a trata de persoas con fins de explotación sexual.