Concello de Sanxenxo - O CONCELLO INICIA A MELLORA ENERXÉTICA DA CASA DA CULTURA DE NANTES E A HUMANIZACIÓN DA TRAVESÍA ARENAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 9 de setembro de 2025.- O Concello de Sanxenxo iniciou estes días as obras de mellora enerxética da Casa da Cultura de Nantes, cos traballos na fachada exterior, e a humanización da Travesía Arenal en Portonovo, co picado e levantamento do pavimento.

O proxecto de Portonovo está subvencionado pola Deputación a través do Plan +Provincia e executarase nun prazo non superior a tres meses. A actuación para humanizar a Praza Travesía Arenal baséase en recuperar este espazo, de 706 metros cadrados, para o desfrute da cidadanía, enlazándoo peonilmente co mercado, rúas e xardíns lindeiros. Así, búscase xerar un espazo de relación social tanto na rúa como en prazas e espazos verdes próximos, fomentando unha contorna urbana máis amable e sostible.

Eliminarase a escaleira de acceso desde a rúa polo seu lado sur e dotarase dunha rampla que permita salvar esa diferenza de cota mellorando a accesibilidade a este espazo. O acceso desde o mercado realizarase en dous tramos a diferente cota salvados por unha xardineira intermedia. Substituiranse os bancos de formigón por bancos de pedra e os elementos de alumeado por uns de menor consumo enerxético.

Proxéctase tamén a renovación da rede de saneamento e a ocultación de arquetas e colectores pluviais vistos, ademais de melloras no acabado e na reparación de elementos deteriorados.

Na Casa da Cultura de Nantes realizarase unha reforma integral e mellora enerxética por 149.318 euros, financiados ao 95% pola Xunta a través de fondos europeos. O prazo de execución das obras é de catro meses. A Casa da Cultura de Nantes organízase en dúas plantas cunha superficie de 183 metros cadrados cunha cuberta de tella e o obxectivo das actuacións é mellorar o illamento do edificio e o comportamento enerxético das instalacións.

Os parámetros básicos que se tiveron en conta á hora da elección do sistema de cuberta foron a zona climática, o grao de impermeabilidade e a recollida de augas pluviais. No interior instalarase unha bomba de calor aerotérmica. Tamén se renovará o sistema de luminarias de baixo consumo tipo LED e a substitución de luminarias de emerxencia.

0
0
0
s2sdefault