A actuación ten un custo de aproximadamente 7.000 euros e finánciase con fondos propios
Sanxenxo, 30 de outubro de 2025.- A Concellería de Turismo e Praias, dirixida por Juan Deza, continúa coa mellora de accesibilidade e servizos nas praias do municipio. A actuación centrouse esta semana, tras concluír no areal de Canelas, na praia de Pragueira onde se está mellorando o acceso ao posto de socorrismo e se renovará a torre de control e vixilancia dos socorristas. O investimento rolda os 7.000 euros e realízase con fondos municipais.
Os traballos céntranse na construción dunha pasarela de madeira antiescorregadiza cun ancho de 2 metros e 6,30 metros de longo. Ademais, instalarase unha nova torre de socorrismo cunha pérgola con madeira de piñeiro e un mastro de aceiro inoxidable para o soporte da bandeira cunha escaleira de acceso de madeira de piñeiro.
No areal de Canelas, os traballos consistiron na substitución da pasarela provisional por unha fixa lixeiramente elevada sobre a area para permitir o avance da duna baixo a mesma. Ademais, a zona de acceso sofre numerosos arrastres pola baixada de pluviais polo vial de acceso á praia para o que se proxecta unha reixa transversal de recollida de augas conectada a un pozo xa existente.
A pasarela, ademais de dar acceso á praia, conéctase con outra xa existente a través da que se accede á caseta de baños e servizos. Esta pasarela conta cunha rampla de subida de 7 m² de superficie que foi desmontada previamente, reservando o material para unha posterior reutilización. Instaláronse dous tramos de pasarela, cunha lonxitude de 40 metros que dará acceso ao areal. A pasarela conta con alumeado con tiras LED de 50 centímetros ancoradas a postes de piñeiro. A actuación ten un custo de case 32.000 euros que será subvencionada polo Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.