A actuación está valorada en 349.054 euros e optará aos fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra
Sanxenxo, 1 de abril de 2026.- O Concello de Sanxenxo renovará a pavimentación e mellorará a ordenación da circulación de tráfico rodado na Rúa Vigo, no Paseo de Silgar e no Camiño de Baltar para incrementar a seguridade peonil e viaria. A actuación ten un custo de 349.054 euros e opta aos fondos +Provincia da Deputación de Pontevedra. O prazo de execución das obras estímase en tres meses.
As principais actuacións proxectadas consisten en:
-
Ampliación da beirarrúa no Paseo de Silgar (maior espazo dedicado ao paso de peóns), mellorando a accesibilidade e os espazos de estacionamento.
-
Reordenación do acceso desde a estrada PO-308 ao Paseo de Silgar.
-
Mellora do cruce do Paso Praia Silgar coa Rúa de Vigo, adaptándoo para permitir o xiro de vehículos de gran tamaño.
-
Eliminación do estreitamento existente no Camiño de Baltar para dotar a vía de dous carrís de circulación e beirarrúas en ambos os márgenes.
-
Actuacións que favorezan a redución da velocidade e a reordenación dos cruzamentos.
Actualmente existen tramos de pavimento moi deteriorados, sendeiros peonís no Paseo de Silgar que conviven coa circulación de vehículos, e problemas de tráfico no cruce do Camiño de Baltar coa estrada PO-308. Ademais, existe un estreitamento da zona destinada á circulación no Camiño de Baltar que dificulta o paso simultáneo de vehículos en ambos sentidos, o que ocasiona incidencias na circulación tanto nesta rúa como na estrada PO-308.