Desde este sábado, 8 novos efectivos incorporáronse á vixilancia do lecer nocturno na zona portuaria
Sanxenxo, 3 de xullo de 2026.- Sanxenxo reforza este verán a seguridade e o control do tráfico coa contratación de 34 auxiliares de Policía Local, dos que 8 estarán destinados ao control do lecer nocturno na zona portuaria da vila. Estes efectivos sumaranse ao cadro de persoal fixo da Policía Local, integrado por 23 axentes e un inspector principal xefe.
O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Elena Torres, acompañados do inspector principal xefe, José Manuel Duarte, deron a benvida aos auxiliares nunha recepción celebrada no salón de plenos do Concello de Sanxenxo. Este reforzo manterase ata o vindeiro 30 de setembro.
“Sodes a nosa carta de presentación e, en moitos casos, a primeira persoa á que se dirixe un visitante ou un veciño. É importante que transmitades a hospitalidade do municipio, pero tamén a firmeza propia das vosas funcións”, sinalou o alcalde.
Debido á condición turística de Sanxenxo, funcións como garantir a seguridade cidadá, ordenar o tráfico urbano e velar polo cumprimento das ordenanzas municipais intensifícanse notablemente durante a tempada estival, ante o incremento exponencial da poboación e da actividade de lecer nocturno.