Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PON EN MARCHA UN PLAN DE ASFALTADOS EN 46 PISTAS DO RURAL POR VALOR DE 2,2 MILLÓNS DE EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno levará a Pleno extraordinario unha modificación orzamentaria de 1,6 millóns con cargo ao superávit

Sanxenxo, 1 de setembro de 2026.- O Concello dá un novo impulso ás infraestruturas rurais coa posta en marcha dun plan de asfaltados que mellorará 46 viarios nas sete parroquias do municipio. O proxecto, que sairá proximamente a licitación, inclúe a pavimentación de máis de 11 quilómetros de pistas e 56.309 m² de superficie.

O goberno levará a Pleno extraordinario o vindeiro 10 de setembro unha modificación orzamentaria con cargo ao superávit por valor de 1.652.592 euros, coa que se abordará unha primeira fase dos asfaltados, que supón o 75% do proxecto. O 25% restante acometerase con fondos propios xa incluídos no orzamento municipal de 2027.

Estas 46 pavimentacións súmanse ás 25 xa executadas no rural no que vai de mandato. Unha delas, actualmente en execución, é a de “Peai e acceso á vía rápida”, cun investimento de 63.525 euros. Esta partida finánciase a través dunha subvención recibida da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e con fondos propios.

A actuación consiste na limpeza e apertura das cunetas por ambas as marxes do camiño, a renovación do pavimento asfáltico mediante a extensión e compactación dunha nova capa de rodadura e a colocación da sinalización necesaria no punto de inicio do viario, que conta cunha lonxitude de máis de mil metros.

Por outra banda, o goberno complementará este plan cunha rede de cunetas rebasables de formigón, que permiten a circulación peonil, e drenaxe nun total de 59 pistas e 15,9 quilómetros. A actuación executarase en distintos viarios das sete parroquias. O investimento rondará os 1,3 millóns de euros e financiarase con cargo ao canon da auga.

Trátase da segunda modificación orzamentaria con cargo ao remanente de tesourería realizada nesta anualidade, que ascende a 5.501.931 euros. A primeira, aprobada o pasado mes de abril, realizouse por 3 millóns de euros para facer fronte á segunda fase do Mercado de Abastos de Sanxenxo, ao proxecto de recuperación do litoral na zona da Fianteira-Vilalonga, na Ría de Arousa, e á adquisición dun terreo destinado a vivenda pública no solo urbanizable número 8 de Dorrón.

0
0
0
s2sdefault