Concello de Sanxenxo - Natureza
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Turismo

O municipio de Sanxenxo está dotado duns recursos paisaxísticos de incalculable valor. Proba diso é a beleza de toda a súa costa (36 km) con espectaculares paisaxes mariñas que contrastan á súa vez con frondosos vales e montes de piñeiros, carballos, castiñeiros e eucaliptos que lembran a Galicia máis rural. Este contraste do litoral mariño e a súa campiña interior son algúns dos seus atractivos para o turismo de natureza.

O seu interior caracterízase por unha serie de vales de fondos planos sobre os que emerxen outeiros illados. En toda a extensión do municipio existen numerosos arroios e regatos que dan lugar a terras fértiles con predominio do cultivo da vide e produtos agrícolas.

Polas súas paisaxes interiores poderá gozar de distintas rutas de sendeirismo onde poderá apreciar a beleza do noso Concello.

 

Ruta dos carballos de Aldariz

Lonxitude: de 6 ou 4 km.

Percorrido: Zona de Aldariz. Permite gozar dunha marabillosa paisaxe interior, cruceiros, hórreos, igrexas, carballeira, etc.

 

Ruta das lagoas de Rouxique

Lonxitude: 3 km.

Percorrido: Cruza as lagoas artificiais das Cachadas en Vilalonga. A natureza arcillosa do chan é o motivo de aproveitamento deste mineral desde hai moitos anos. Os pozos abandonados transformáronse en lagoas cheas de vida onde aniñan e viven distintas especies de patos.

 

Ruta dos muíños de Dorrón e Bordóns

Lonxitude: 5 km.

Percorrido: Cruza as parroquias de Dorrón e Bordóns. Pódense observar todos os cultivos tradicionais da horta cunhas magníficas vistas á ría de Pontevedra así como os muíños de auga e diversas construcións tradicionais (hórreos, cruceiros, lavadoiros).

 

COMPLEXO INTERMAREAL UMIA - O GROVE

Así mesmo Sanxenxo posúe un dos espazos húmidos máis importantes de Galicia e España. O Complexo intermareal Umia - O Grove que se atopa situado na ría de Arousa e distribúese por áreas litorais de Sanxenxo, O Grove, Meaño, Cambados e Vilanova de Arousa representa un medio natural de gran valor ornitolóxico pola vexetación e fauna que alberga.

As zonas de marisma e os areais costeiros convértense en zonas de descanso en viaxes migratorias para máis de cen especies de aves. Igualmente destaca os seus acusados cambios de vexetación provocados polas diferentes características que presentan os chans do complexo.

 

PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS

O Parque Nacional das Illas Atlánticas comprende as Illas Cíes, as illas de Ons, Cortegada e Sálvora, todas elas nas Rías Baixas galegas. As illas, de carácter rochoso, están cheas de cantís enfrontados ao océano Atlántico e de espectaculares praias e dunas na parte interior, dentro das rías. Na súa expectacular contorna albergan unha das colonias de aves mariñas máis importantes que se atopan en territorio español. Aquí pódese atopar unha das maiores colonias de gaivota patiamarela e do corvo mariño moñudo. O parque destaca á súa vez polos seus fondos mariños dunha gran beleza e biodiversidade, onde á gran variedade de peixes, moluscos e crustáceos, únense os bosques de algas e a presenza de varias especies de golfiños.

Desde Sanxenxo pódese visitar Ons por medio de catamaráns que saen desde os portos de Sanxenxo e Portonovo.

 

MIRADOIROS

Contemplar espléndidas panorámicas do concello é posible achegándose a calquera dos miradoiros naturais, situados ao longo do municipio::

  • Miradoiro da Granxa
  • Miradoiro de Palacios
  • Miradoiro da Panadeira
  • Miradoiro do Vicaño
  • Mirador de Caneliñas
  • Mirador de Paxariñas
  • Mirador de Major

Naturaleza